Quem somos
Quem somosEsta é a páxina web da nova UIS (Unión Internacional de Sindicatos) da FSM (Federación Sindical Mundial) que se creó en Barcelona (estado español) en febreiro de 2014, agrupando aos sindicatos (e outras organizacións con posicións de clase) dos PeX (Pensionistas e Xubilados) dos 5 continentes do noso planeta.
A FSM é a maior organización mundial da loita contra a explotación capitalista. E tamén a maior organización que se opón ao imperialismo. Non hai outra que una a sindicatos verdadeiramente de clase (pois outros ás veces dinse sindicatos de clase pero apoian ao FMI, Fondo Monetario Internacional, e á OTAN).
A FSM fundouse en 1945, en París, sumando e coordinando aos sindicatos que axudaron á derrota do fascismo. Xa nos seus inicios a socialdemocracia (cumprindo o seu reiterado papel de axuda á burguesía) tentou rachar a unidade do sindicalismo de clase. No Congreso Fundacional do FSM en París tentaron que a FSM non se situase contra o colonialismo aínda moi estendido naquela metade do Século XX.
O ano 1949, os sindicatos citados racharon a FSM e crearon a CSIOL, Confederación Sindical Internacional de Organizacións Libres, (que hoxe é a CSI despois de sumar aos sindicatos de orixe cristiá), que é quen apoiou (amosando que non eran organizacións libres, senon dependentes do gran capital) o golpe contra Allende, o Apartheid e aos sionistas de Israel (aínda teñen a dirixentes do sionismo na dirección mundial da CSI).
Nós, os PeX que impulsamos esta nova UIS da FSM pronunciámonos con rotundidade e claridade contra o sindicalismo amarelo, contra o sindicalismo de conciliación de clases, contra o sindicalismo da negociación sen loita, da claudicación a cambio de prebendas para os dirixentes sindicais.
Os PeX, pola nosa idade, vivimos as batallas sindicais da segunda metade do século pasado e coñecemos como, grazas á FSM e ao exemplo da clase obreira dos países que construían o socialismo, arrincáronse grandes vitorias á patronal: redución de horarios, vacacións, dereito á saúde e ensino públicas e gratuítas, pensións de xubilación, melloras na seguridade e hixiene nos postos de traballo, dereito á negociación colectiva, dereitos sindicais, etc.
Nós vivimos a represión do capital (asasinatos, detencións, torturas, xuízos non xustos, cárceres, despedimentos, listas negras, paro, enfermidades laborais, accidentes de traballo evitables, a emigración laboral, etc.) e dela aprendemos que só coa organización como clase podemos acadar grandes e pequenas vitorias.
Vimos como a patronal compraba e corrompía a dirixentes sindicais. O caso español é escandaloso: os que sucederon ao líder histórico de CCOO (Comisións Obreiras), Marcelino Camacho, vendéronse: Antonio Gutiérrez á socialdemocracia, ao PSOE, e Fidalgo ao partido sucesor do fascismo de Franco, ao PP.
Mais, desde o seu 15 Congreso, a FSM está a recuperar forzas e coas accións anuais do 3 de outubro, data da súa fundación en 1945, conseguiu que centos de sindicatos de todo o planeta se somen ás Xornadas Internacionais e de Acción contra o capitalismo.
No derradeiro e 16 Congreso da FSM (Atenas, abril de 2011) entre outros moitos acordos, os case 900 representantes de 320 sindicatos de clase dos 5 continentes, decidimos crear unha UIS de PeX.
Aí está a nosa orixe e a base do noso futuro.
Imos reforzar o traballo dos case 90 millóns de traballadores afiliados á FSM a través dos seus sindicatos, país por país. Imos organizar e coordinar as loitas dos PeX de todo o planeta. Imos dar a coñecer que mentres en Europa pérdense dereitos dos PeX (co apoio dos sindicatos da CSI a estas medidas reaccionarias), en Latinoamérica avánzase nas reivindicacións dos pensionistas e xubilados.
Imos loitar para que nos países onde aínda non existen pensións públicas para os traballadores despois da súa vida laboral, as haxa e de calidade.
O noso obxectivo é conseguir en todo o planeta que todos os asalariados teñan unha pensión pública mínima suficiente, que lles asegure unha vida digna, cos servizos de transporte, saúde, atencións e lecer gratuítos (acabando cos grandes negocios privados que o capitalismo quere basear nestas necesidades humanas).
Imos loitar pola fin do capitalismo, por rematar coa explotación do home polo home.
Un mundo sen traballadores é imposible, un mundo sen capitalistas é necesario e posible.
O futuro da Humanidade é o Socialismo e a clase obreira construirao.